ARCADIO M

Na casa da avoa xa non hai can. É unha casa da da aldea, pero xa non hai can.

O primeiro que deixou de haber foron os porcos, cando mercar a carne comezou a ser máis barato que criar na casa ós marráns, os avós decidiron economizar. Logo deixaron de criar coellos, moito traballo pra pouca ganancia. Na feira xa se malvendían e pra comer non gustaban. E cando o avó se xubilou comezaron a xubilarse as catro vacas da facenda.  A última vaca resistiuse. O avó alargou a mantenza ata que xa non puido máis. E finado o avó, a avoa decidiu deixar de criar polos, pra ela soa saíalle á conta ir ó supermercado e non pasaba traballos.

E quedouse con catro galiñas e o can.

Aquela noite que non parou de ladrar resultou ser o raposo, que desfixo o galiñeiro. E a avoa xa non comprou máis galiñas, pra catro ovos que comía, tamén xa os traía na compra. E xa só quedou o can, o vello Petís. Mascota, gardián e compañía.

Petís morría fai dous Nadais. E a avoa dixo que non quería máis can, que pra non poder atendelo tamén xa non o tiña. Agora xa non saía a camiñar e, polo tanto, o can pasaba o día pechado na eira. A corte criaba ratas. O galiñeiro ortigas. E os cortellos dos porcos xa non cheiraban a marrán.

Ben o vin. E deixeino ir malia a tristura que me fundía a alma. A vida non me permitía botar man daquela deriva ou, quizais, non tiven agaias pra manobrar a vida e evitar aquela deriva.

Unha casa da aldea sen can é coma un can sen dono. Unha alma condenada ó inferno. E ó olvido. Na primavera falecía a avoa, como ben se vía vir. E a casa da avoa, sen can e sen avoa, teima en aguantar catro invernos máis. E esmorecerá, levando ó esquecemento a memoria que garda. Mentres nós, compraremos un can pro piso e madrugaremos pra sacalo á rúa, nun intento inútil de calar a voceciña da nosa conciencia, que teima en repetir unha e outra vez: «Se na casa da avoa non hai can é por causa vosa».

contosdocotia.wordpress.com

Anuncio publicitario

Deja una respuesta

Por favor, inicia sesión con uno de estos métodos para publicar tu comentario:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s